Alberte Blanco Casal

José Calvo Poyato
27/01/2022
Víctor F. Freixanes
27/01/2022

SINOPSE da conferencia “A batalla e o tesouro de Rande no Códice esmeralda”
Tense escrito moito sobre a Batalla de Rande, aínda así é un feito bastante descoñecido entre o gran público. Ocorre en 1702 nos comezos da Guerra de Sucesión española durante a transición dos Austrias aos Borbóns. O salientábel deste evento naval, que ten o seu centro de gravidade no fondo da Ría de Vigo, está nas zonas escuras dunhas relacións internacionais cambiantes nas que resulta difícil saber por que ocorren as cousas, quen son realmente os contendentes de ambas partes e cales os designios que en última instancia determinan o curso dos acontecementos.
Nesta conferencia, baseada no argumento da miña novela “O Códice esmeralda”, aparecerán personaxes determinantes na historia europea e americana, como Luís XIV, Ana Estuardo, Felipe V ou Xosé de Sarmiento (Conde de Moctezuma e ex-Vicerrei de Nova España), ademais doutros de segunda orde que son os que probabelmente xogaron un rol principal no desenlace da batalla.
O cerne do asunto está na Carreira de Indias e na Frota de Nova España que transportaba periodicamente o ouro e a prata, ademais doutras riquezas, dende o continente americano ata o Reino de España. O feito de que en 1702 a arribada desta frota (apoiada por unha armada francesa) non se producise en Cádiz senón en Redondela constitúe uns dos misterios máis sobresaíntes da Carreira. O periplo acaba nunha derrota absoluta da frota franco-española e nun descomunal saqueo das súas riquezas (o tesouro de Rande) no que participaron ingleses e holandeses, franceses, españois e galegos, algúns deles cunhas estrañas ligazóns cos banqueiros internacionais con centro en Amsterdam. Na conferencia intentarmos dilucidar todo este galimatías da maneira máis clara posíbel.

Alberte Blanco Casal (Cobres-Vilaboa, Pontevedra, 1951), enxeñeiro, profesor de ensino secundario e escritor. Realizou diversas colaboracións co diario dixital Praza Pública, a revista Grial e a publicación periódica do Fórum Galaico Transmontano de Chaves(Portugal). Na actualidade é columnista do xornal Nós Diario. En calidade de Director Xeral de Montes participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia (2006), editada polo Consello da Cultura Galega. Arcadia. Os gardiáns do segredo (2013) é a súa primeira novela. En 2015 a Deputación de Ourense publicou a súa obra de investigación O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense. Aproximación histórica ao período 1840-1930. En 2017 Edicións Xerais publica a súa novela O Códice esmeralda, finalista do Premio Xerais de novela en 2015. Tamén, en 2017 Sermos Galiza edita a obra colectiva O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional? na que participa como poñente e coordinador. En 2019 publica Memorias da brétema, un libro de investigación histórica, crónicas e memorias da infancia. En marzo de 2021 Edicións Xerais publica o seu ensaio Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo.